Thursday 25 de April de 2024

Mares da Fin do Mundo lembrou o XX aniversario do afundimento do Prestige


A mañá da cuarta xornada da Mostra Mares da Fin do Mundo tivo como eixo central a realización de diversas actividades de posta en valor do patrimonio local. Co Freixo como centro das actividades, as persoas inscritas na primeira actividade do día puideron gozar dunha andaina de divulgación e coñecemento onde se mostrou a importancia histórica da carpintaría de ribeira no Concello de Outes, considerado berce desta profesión tradicional. A andaina culminou cunha visita guiada ao Estaleiro Ciprián – Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira de Outes.

A saída do veleiro histórico Joaquín Vieta, balandro construído no ano 1916 no Freixo, tivo que adiar a súa saída por mor da presenza dos profesionais do Cemma que trataban de quitar o arpón do arroaz. Desde Mares da Fin do Mundo colaboramos coas indicacións do Cemma e as persoas que ían ir no veleiro visualizaron as accións dos biólogos.

Xa pola tarde, nas instalacións da Casa da Cultura, leváronse a cabo o resto de actividades programadas para esta cuarta xornada. Poñendo o foco no impacto que o ser humano ten sobre a fauna mariña, o segundo e último filme da sección Proa proxectado nesta edición foi Last of the Right Whales, de Nadine Pequeneza (Canadá, 2021). Seguidamente, para conmemorar os vinte anos da maior catástrofe ambiental que sufriu Galicia, tivo lugar a proxección de Nunca Máis: Marea de dignidade, de SAGA TV / Nunca Máis (España, Galicia, 2003), cun formato de coloquio, onde o público puido establecer un diálogo con profesionais do sector que viviron de preto aqueles fatídicos días. Esta reportaxe documental retrata, a través da ollada dos reporteiros gráficos e xornalistas de medios estatais e internacionais, cal era o clima social e político que se viviu en Galicia durante a Marea Negra provocada polo accidente e posterior afundimento do buque petroleiro Prestige en novembro do 2002 fronte ás costas galegas. A xornada do luns rematou coa proxección da performance Urho, un proxecto audiovisual do cineasta Iván Torres e o músico Alex Salgueiro (España, Galicia, 2022).